O Rally Terra da Auga abre as súas inscricións a próxima semana

Cando restan menos de dous meses para a celebración da cita arzuana, a semana que vén abrirase o prazo para que os diferentes equipos poidan formalizar a súa inscrición, concretamente o martes 18 de agosto. O límite de inscrición para esta edición será de 75 participantes.

Así mesmo, pódense revelar algúns pequenos detalles na estrutura da proba, que terá lugar ó longo de toda a comarca de Arzúa e incluirá tamén os concellos de Melide e Boqueixón.

O rallye celebrarase na súa totalidade o sábado, con 105 quilómetros cronometrados, aínda que o venres terá lugar o shakedown nos arredores de Arzúa; Será un tramo duns 5 quilómetros no que os pilotos poderán afinar as súas monturas para a proba, e que comezará ás 17:00 horas.

Cómpre salientar que hai varios equipos internacionais que mostraron interese en participar no Rally Terra da Auga, polo que pode haber presenza estranxeira un ano más, dando así cor a unha inscrición que se espera que sexa de auténtico luxo, contando con que o evento sexa de novo puntuable para o Supercampionato de España de Rallyes.

A Escudería A.D.N. Motor tamén está a traballar para desenvolver as mellores medidas e solucións de hixiene e seguridade fronte a COVID-19, poñendo por riba de todo a saúde dos equipos, afeccionados, organización e colaboradores para gozar deste deporte coas mellores garantías para todos. Ademais, intentarase achegar a proba aos afeccionados a través de plataformas de streaming, emitindo en directo varias especiais para que o público poida presenciar o que acontece no rallye sen saír das súas casas.