O Rally Terra da Auga cambia de apelido e comeza a definirse para 2021

A cita galega será a cuarta proba puntuable para o Supercampionato de España de Ralis e a segunda proba da Copa de España de Ralis de Terra, a desputarse o 4 e 5 de xuño de 2021. A partir deste ano, o apelido do evento cambia, pasando a chamarse ‘Rally Terra da Auga – Camiño de Santiago’ nunha clara aposta pola promoción do turismo na zona, aproveitando a celebración do Xacobeo 2021-2022.

O percorrido desta edición do rali xa está practicamente definido, ofrecendo aos participantes un rutómetro compacto cuns 130 quilómetros cronometrados. Todas as especiais terán novidades en comparación con tempadas anteriores, desenvolvéndose un treito completamente novo. O esquema xeral da proba centrarase na comarca de Arzúa e os seus arredores, con algunhas localizacións aínda por concretar, pero traballando para ofrecer aos equipos e afeccionados as mellores comodidades posibles.

Como é habitual, a organización está a facer un esforzo para atraer a pilotos de talla internacional para dar máis caché ao evento, confirmando a participación de Nasser Al-Attiyah, que en principio levará a cabo todo o CERT. O triplo gañador do Rali Dakar intentará quitarse a espiña do ano pasado na proba de arzuana onde se tivo que retirar ás primeiras de cambio por unha avaría.