Desvélanse as primeiras pinceladas do Rally Terra da Auga 2020

O renovado equipo directivo do Rally Terra da Auga está a traballar incansablemente para facer do 2020 a súa mellor edición. Un sétimo capítulo do evento que se seguirá asentando na Comarca de Arzúa, cos seus catro municipios (Arzúa, Touro, O Pino e Boimorto), engadindo do mesmo xeito que en 2019 o concello de Boqueixón e como novidade a entrada tamén do municipio de Melide.

Un dos cambios importantes para esta edición será un novo parque de traballo, 13.000 metros cadrados de espazo no centro de Arzúa acollerá, con comodidade, a todos os equipos presentes. Sen dúbida, esta nova localización será un revitalizante para a proba, que gañará visibilidade e práctica.

A organización xa definiu o rutómetro que se cubrirá nesta sétima edición da Terra da Auga, cun esquema de especiais moi similar ao de anos anteriores, incluída a disputa dunha superespecial o venres. A cantidade total de quilómetros será de 260, dos cales 119 serán cronometrados.

Sendo a terceira parada do Campionato de España de Rallyes de Terra 2020, a cita arzuana volverá contar coa participación da Copa Kobe Motor, sendo a única proba que puntuou en todas as edicións disputadas da monomarca que dirixe Alberto Dorsch e cuxos Toyota Aygo visitaron ano tras ano as terras galegas.

En breve comunicaranse máis detalles sobre o Rally Terra da Auga, que se celebrará os días 15 e 16 de maio.